Voz Audiovisual

Un combate teatral entre dous seres «fascinantes»

2/12/2012

María Conde/ La Voz de Galicia. As compañías RTA, Talía Teatro e Voz Audiovisual trouxeron onte ao Culturgal parte da escenografía onde se representará a partir do 24 de xaneiro (Teatro Rosalía de Castro, A Coruña) a obra Gaivotas subterráneas. E, tras comezar os ensaios o pasado luns, os actores Xabier Deive e Luís Iglesia, que manteñen neste texto de Alfonso Vallejo todo un man a man creativo, tamén pisaron as táboas do escenario montado na Feira das Industrias Culturais en Pontevedra.

Para Iglesia, a montaxe pódese cualificar como «un thriller psicolóxico» no que, como di Xabier, dous amigos que non se viran hai tempo reencóntranse e comezan a deixar ver cousas do seu pasado. «Son personaxes que a cada reviravolta sorpréndense co que hai detrás... -sinala Iglesia- e estas dúas persoas son como dúas caras engarzadas que non se poden liberar un do outro».

Xabier interpreta a Nino, un traballador dunha empresa de seguros que chama a Mario (Luís Iglesia) para que lle axude a conseguir unha importante suma de diñeiro do seu seguro de vida. Ambos actores pensaron cando leron o texto que lles ían a dar o papel contrario, e non descartarían, polo menos como idea, ir intercambiándoos nas funcións. «Se cada ser humano é fascinante, as relacións entre seres humanos o son aínda máis e esta obra fala de dous seres fascinantes, que non bos, nunha situación un pouco especial», engadiu Iglesia.

Pola súa banda, Xabier Deive destacou a aposta das tres empresas que asinan a produción «que están poñendo todo o mellor de cada unha para que este proxecto saia adiante nestes tempos de incerteza nos que non sabe un como poder producir teatro, e está moi ben buscar outras vías». «Que haxa propostas como esta -subliñou Iglesia- é un risco, pero necesario para nós e para o resto do oficio. Que haxa vías de escape para que non pareza que todo é igual».

LA VOZ DE GALICIA | RADIOVOZ | SONDAXE CANALVOZ | FUNDACIÓN | VOZ NATURA | PRENSA ESCUELA | MÁSTER | GALICIA EDITORIAL | CORPORACIÓN |        Aviso legal | Privacidad | Condiciones generales